Sunday 19 de May de 2024

Igualdade presenta as axudas ás entidades sociais que apoian a mulleres en situación de especial vulnerabilidade


Para o desenvolvemento de programas de recursos integrais para mulleres que se atopan en situación de especial vulnerabilidade, o orzamento para o 2016 ascende a 1.777.500 euros

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella presentou hoxe ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro o programa de subvencións para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, para este ano.
Segundo explicou López Abella, o orzamento para esta liña de axudas ascende a 1.777.500 euros e poden resultar beneficiadas as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, que teñan domicilio social ou delegación en Galicia, e que non se atopen en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A contía máxima da axuda que se pode conceder a cada entidade ao abeiro desta convocatoria é de 70.000 euros, o que supón un incremento dun 83,5 por cento con respecto ano ano 2014. O pasado ano 2014 esta orde resolveuse por un importe de 870.183,66 euros, sendo 62 as entidades beneficiarias que atenderon a 4.808 mulleres.

No programa de recursos integrais de atención personalizada e especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos nos que concorra dita situación, debe contemplar unha atención personalizada recollida en proxectos de integración individuais no que se plasmen intervencións específicas a través dalgunha das actuacións obxecto de subvención (atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación, adquisición de habilidades persoais e sociais e apoio e orientación laboral). A actuación debe ter en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades como elemento básico da atención especializada que deben recibir ás mulleres en situación de vulnerabilidade pertencentes ao colectivo ou colectivos aos que se dirixe, co obxecto de mellorar as súas expectativas persoais, sociais e laborais de cara a súa integración en termos de igualdade.

As actuacións desenvolvidas no correspondente programa deberán englobar servizos de orientación e información sobre recursos singularizados, de atención, orientación e asesoramento persoal e social, así como de apoio directo nas relacións con outras entidades, organismos e servizos que faciliten ás persoas usuarias o seu proceso de integración social; servizo de atención psicolóxica; servizo de asesoramento xurídico; servizo de mediación intercultural e/ou familiar; actividades para a adquisición de habilidades persoais e sociais básicas ou de competencias para a mellora da empregabilidade; servizos ou medidas de apoio e orientación laboral para a mellora da empregabilidade e de acompañamento na busca de emprego, incluído o emprego por conta propia e o emprendemento, así como a prospección do mercado de traballo, a intermediación e a titorización laboral e profesional.